Éxito de participación no baile deportivo de Meis

baile250_160609.jpgMEIS> Esta fin de semana, celebrouse no pavillón de Mosteiro o II Trofeo Concello de Meis de baile deportivo. Máis de 120 parellas déronse cita nesta proba valedeira para o ranking nacional na que os vencedores foron os actuais campións de España, Patricia Martínez e Adrián Esperón.

O Trofeo Concello de Meis de baile deportivo volveu a repetir o éxito de participación colleitado o ano pasado. Desta volta competiron 120 parellas chegadas dende toda Galicia; ademais tamén houbo presencia portuguesa, con cinco dúos.

Estas boas cifras foron acadadas grazas á gran participación de parellas locais, ata 30 déronse cita no pavillón de Mosteiro. Xóvenes e maiores lanzáronse sen rubor á pista colocada para a ocasión. O máis novo, un rapaz de 5 anos; entre os máis veteranos, atopábanse varios que superaban os 60, clara mostra de que foi unha competición para toda a familia.

Gran parte dos participantes tomaron parte en categoría de iniciación, onde sobre o competitivo, prima o entretemento.

Xa en categría internacional o título foi a parar a mans dos grandes favoritos: Patricia Martínez e Adrián Esperón. Os pontevedreses, actuais campións de España de dez bailes foron os mellores tanto nos Standar: Vals vienés, Vals inglés, Slow fox, Tango e Quick-step, como nos latinos: Samba, Chachachá, Jive, Rumba e Pasodoble.

Esta proba estaba organizada pola escola de baile pontevedresa Pasos. Eles mesmos serán os encargados de levar o ritmo a Porriño este domingo, con outra proba puntuable para o ranking nacional, o XIII Trofeo Concello de Porriño.

Redacción Salnés