Arousa e Céltiga xóganse os puntos ante rivais directos

futbol250_060309.jpgSALNÉS> Tanto Arousa como Céltiga teñen esta semana dous partidos ante rivais directos. Os da Illa ante o Narón, os dous equipos pelexando por non descolgarse do grupo dianteiro. Os vilagarciáns en Vigo, ante o Rápido de Bouzas, ambos conxuntos pelexando por eludir o descenso.

Non foi a semana idónea para o Arousa. O plantel, farto xa de non cobrar, plantouse e amenazou á directiva con non xogar dentro de dez días ante o Coruxo se é que non reciben dúas mensualidades das catro que se lle deben.

Pero o certo é que agora teñen que tratar de esquencerse dese asunto e centrarse no meramente deportivo, o encontro do domingo ante o Rápido de Bouzas, un rival directo pola permanencia.

Un partido para o que Pablo Vázquez non poderá contar con Santos, aínda tocado no nocello, nin con Jonathan, que cumplirá sanción. As boas novas tráenas Miguel, que xa se recuperou da súa doenza, e Roberto, que aínda que é bastante improbable que vaia convocado, xa adestrou co resto do grupo esta semana.

Despois do empate cedido na Lomba ante o Gran Peña, o Arousa tentará seguir facéndose forte en defensa e recuperar a súa facilidade goleadora ante un Rápido crecido despois de gañarlle a semana pasada ó Alondras no Morrazo.

Na Illa, o Céltiga recibe a un Narón que pelexa como eles por acadar esa cuarta praza que dá acceso ó playoff de ascenso. Josiño Abalde ve clave para esta cita a concentración defensiva ante un conxunto que ve porta con facilidade.

Será un partido completamente diferente ó da semana pasada en Ordes, moito máis aberto e no que o Céltiga non poderá perdoar as ocasións que lle dea o rival. Taja, cunha microrotura nun aductor, Victor por unha distensión e Cardeñosa sancionado, serán baixa. A gran novidade podería ser a volta de Albert á convocatoria, despois de terse recuperado da lesión que lle tivo apartado do equipo durante a meirande parte da temporada.

 O dato é que o Céltiga nunca gañou na casa ó Narón; pero, pola contra, tamén hai un que di que os equipos de Josiño nunca caeron co conxunto ferrolterrán.

Ademais, na Preferente Autonómica Sur, o Unión do Grove recibirá ó Caselas, o Sanxenxo ó Ourense B, mentres que o Ribadumia xogará fóra, na Baiuca, ante o Estradense.

Redacción Salnés