A pontevedresa Paula Dapena sofre ameazas de morte tras negarse a homenaxear a Maradona

PONTEVEDRA> Unha futbolista pontevedresa negouse esta fin de semana a gardar un minuto de silencio polo falecemento de Maradona. Paula Dapena, xogadora do Viajes InterRías FF, falou hoxe cun equipo do Canal Rías Baixas e explicounos así a súa decisión de non homenaxear ao arxentino.

Paula Dapena converteuse na protagonista indiscutible da fin de semana e todo a raíz deste feito. A xogadora do Viajes InterRías FF de Pontevedra negouse a participar no minuto de silencio que se gardou polo falecemento de Maradona antes do seu partido contra o Deportivo da Coruña.

Esta futbolista, de tan só 24 anos, tiña claro que gardar un minuto de silencio polo falecemento de Maradona ía en contra das súas ideas feministas, xa que para ela ser deportista vai máis aló do que acontece no terreo de xogo.

En poucas horas, a decisión de Paula Dapena deu a volta ao mundo e diferentes medios internacionais fixéronse eco desta noticia. E, aínda que foron moitas as mensaxes de apoio recibidas, a xogadora pontevedresa sufriu tamén ameazas de morte.

O acoso recibido nas últimas horas obrigou a Paula a poñer privadas as súas redes sociais. Así e todo, a pesar de todas as consecuencias que tivo este feito, a pontevedresa asegura que o volvería a facer.