Éxito dos padexeiros do Salnés no Galego de Pista

piraguismo250_230609.jpgPONTEVEDRA> Os piragüistas do Salnés tiveron presenza en case tódolos podios do Campionato Galego de Pista disputado esta fin de semana no Pontillón do Castro, en Pontevedra. Por equipos gañou o Kayak Tudense, seguido de As Torres, de Catoira e do Breogán, do Grove. O Muíño, de Ribadumia, acabou en quinto lugar.

O Pontillón do Castro, en Verducido, acolleu esta fin de semana o Campionato Galego de Pista en C-1 e K-1 para as categorías Senior, Junior e Cadete. Por equipos, a vitoria foi para o Kayak Tudense, seguido do As Torres Romaría Vikinga, de Catoira, e do Breogán, do Grove. O Muíño de Ribadumia, foi quinto, e o equipo da Illa, sexto.

No individual, os padexeiros do Salnés volveron cun bo número de medallas. David Maquieira, do Muíño conseguiu o ouro en C-1 Senior, tanto na distancia de 500 como na de 200 metros. Tamén se subiu ó máis alto do podio en dúas ocasión Jacobo Domínguez, do Breogán, en C-1 xuvenil tanto en 1000 como en 500 metros.

Ana Valín, do Muíño volveu con tres metais nas probas disputadas en K-1 Senior, cun ouro en 200 metros, prata en 1000 e bronce en 500. Álvaro Bravo, do Breogán venceu en K-1 Senior 500 metros, conseguiu un bronce final de 200; Tania Álvarez, tamén do equipo do Grove, gañou en K-1 Cadete 500 metros e acadou unha prata en 1000 metros. A súa compañeira de equipo Lara Díaz, tamén volveu con dous metais, un ouro en K-1 Cadete 1.000 metros e unha prata en 500. Pola súa banda, Diego Romero, das Torres foi o vencedor na final de C-1 Senior 1.000 metros.

Outra boa nova foi a segunda praza conseguida polo Club Piragüismo da Illa de Arousa no arranque da Copa de España de Promoción, disputada en Zaragoza. Nesta primeira proba participaron 72 clubs de toda España.

Redacción Salnés