MEIS> Así o asegurou o delegado territorial en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, no encontro mantido co alcalde do municipio.
Continúa a rolda de visitas polos concellos do Salnés de Xosé Manuel Cores Tourís. O delegado territorial da Xunta está a visitar tódolos municipios da comarca para coñecer as principais necesidades de cada localidade. Hoxe tocoulle a quenda a Meis.
A concentración parcelaria, a rehabilitación do Mosteiro da Armenteira e o novo parque empresarial son as necesidades máis urxentes de Meis, segundo lle trasladou hoxe o alcalde ó representante da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís. Segundo o edil, José Luis Pérez, a nova Xunta permitirá arroxar luz sobre o concello despois de catro anos de escuridade.
A concentración parcelaria chegou a dúas parroquias do municipio. As cinco restantes, entre as que se atopan San Martiño, San Lorenzo, San Vicente, San Tomé e Armenteira están á espera do procedemento. Segundo o Delegado territorial a Xunta vai axilizar o proceso para rematar a parcelaria en Meis, no menor tempo posible.
RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO
O Mosteiro da Armenteira precisa de financiamento para a súa rehabilitación. Polo de agora a Deputación de Pontevedra e a Xunta comprometéronse a aportar cartos ó proxecto. Haberá que acudir ó Ministerio de Cultura do Goberno Español para conseguir o resto das achegas coa fin de acometer as obras, valoradas nun millón douscentos mil euros. Cores Tourís comprometeuse a acompañar ó alcalde ata Madrid para realizar as xestións. O ex alcalde de Cambados asegura ter contactos no Ministerio trala súa etapa como senador.
Redacción Salnés
{flowplayer}images/salnes/230609_touris_en_meis.flv{/flowplayer}