Alemania, terceira selección confirmada para a VBC 2011

VILAGARCÍA> A organización da Vilagarcía Basket Cup ven de desvelar o nome da terceira selección participante no torneo desta ano. Xunto a Francia e España estará Alemania, que acude á cita logo de participar na edición de 2009 na que deixou un gran recordo entre os afeccionados.

O Comité Organizador da Vilagarcía Basket Cup anunciou esta mañá a presencia da selección alemana na decimosexta edición deste torneo. O combinado teutón repite participación, pois xa estivo presente na edición de 2009 onde foi unha das máis agradables sorpresas, deixando para o recordo grandes actuacións como a do seu pívot Philipp Neumann, elexido MVP do torneo.

O equipo que presentarán os xermanos será o mesmo que acadou o ano pasado a oitava praza do Mundial sub-17 e que rematou cuarto no torneo internacional de Mannheim, deixando tras de sí a seleccións como a española ou a francesa, que tamén estarán en Vilagarcía.

Entre os seus principais xogadores destaca un pívot de 2,10 metros e de ascendencia serbia, Bogdan Radosalvjevic, e o base Jakob Krumbeck. Ambos están a ser seguidos moi de preto polos clubs máis importantes de Europa.

Noutra orde de cousas, a organización está a pechar a participación de tódolos equipos que van formar parte da quinta edición da Basket Base, que este ano celebrarase en categorías benxamín mixto e alevín femenino e masculino. Tomarán parte 24 equipos por día nas tres xornadas que durará o torneo.

No que respecta á competición Future Stars, disputarase no pavillón 2 de Fontecarmoa, se ben algúns encontro poderían xogarse no pavillón Rúa Castelao, para dar cabida a tódolos equipos.

Ademais, o Club Baloncesto Vilagarcía abríu hoxe mesmo a inscripción para a séptima edición da Vilagarcía Basket Camp que se celebrará do 3 ó 9 de xullo e para a que se ofertan 140 prazas. A solicitude pode facerse a través da páxina do club: www.vilagarciabasketcup.es. Como novidade, organizarase tamén unha Basket Camp na localidade lusa de Melgaço, nun centro de máximo luxo. A oferta neste caso é únicamente de 80 prazas.

Redacción Salnés