RIBEIRA> A asociación Bertorella celebrou unha manifestación polas rúas de Ribeira para expresar o seu rexeitamento á ubicación da futura lonxa.
{flowplayer}barbanza/manifestacionbertorella.flv{/flowplayer}
Ó berro de consignas como ‘por unha lonxa digna’ ou ‘fóra os particulares’, preto de oitenta persoas percorreron as rúas do centro urbano de Ribeira, dende as instalacións da lonxa ata a praza do concello. Ás portas da casa consistorial protagonizaron unha sonora pitada coa fin de ser escoitados polo alcalde.
E é que estes colectivos teñen moito que dicir sobre a futura lonxa de Ribeira que previsiblemente se construirá nas inmediacións do Club Náutico. Discrepan con respecto á ubicación posto que consideran que non existe espazo suficiente para unhas instalacións funcionais que lles permitan desenvolver o seu traballo en condicións dignas. Para elo, propoñen como alternativa a construción da rula no porto comercial, no espigón exterior.
A pesar de que a manifestación estaba convocada pola asociación de minoristas Bertorella, a ela sumáronse representantes dos armadores e dos compradores maioristas, que tamén se ven afectados .
Dende Bertorella seguen demandando que se inclúa ó seu colectivo na comisión de seguemento para o deseño do proxecto e construción da nova lonxa. Ademais, instan ó concello a facer cumrpir o regulamento da lonxa en relación coa venda a particulares.
Abertos a novas suxerencias
Pola súa banda, o presidente de Portos de Galicia que este luns asistía a unha reunión en Ribeira, explicou que as reunións para o deseño da nova lonxa están abertas a tódolos colectivos. Así mesmo, indicou que a ubicación elixida é a máis idónea xa que dispón de espazo suficiente para que tódolos sectores poidan traballar.
Do mesmo xeito, o alcalde de Ribeira informou que hai uns días mantivo unha reunión coa presidenta de Bertorella na que xa lle informou de que Portos de Galicia escoitará as demandas de tódolos usuarios da lonxa.
Redacción Barbanza