A. Cerecedo: ‘O cambio na Pobra é posible da man do BNG’

POBRA> O BNG da Pobra celebrou onte domingo, nos xardíns de Valle-Inclán, un dos seus actos centrais da campaña.

O acto foi seguido por un numeroso público, na súa maior parte militantes e simpatizantes desta formación política, pero tamén por moitos veciños que se achegaron a coñecer as súas propostas de goberno.

Os encargados de abrir as quendas de intervención foron o número 4 da lista, Agustín Pérez, e a número 2, Rosana Pérez.

Os dous ensalzaron a valía da candidatura do BNG, a única opción, segundo eles, para un cambio real e efectivo na Pobra, algo que xa se está a notar a pé de rúa.

A candidata á alcaldía, Amparo Cerecedo, foi a encargada de debullar boa parte do programa co que os nacionalistas concorren ós comicios deste domingo, baseado en cinco áreas fundamentais: mellora de servizos, participación veciñal, dinamización económica, a través do fomento do comercio e a hostalería da vila, aposta polo rural e principalmente políticas para as persoas.

No acto tamén participou a deputada no Parlamento Galego, Montse Prado, que aludiu á importancia das eleccións municipais deste domingo. Pediu responsabilidade á hora de votar xa que nelas se xoga o futuro do municipio, poñendo o BNG como mellor opción para liderar ese cambio que o Concello precisa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí