![]()
RIANXO> O Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, comprometeu o seu apoio á Academia Literaria de Rianxo.
{flowplayer}barbanza/delegadogobernorianxo.flv{/flowplayer}
O Delegado do Goberno en Galicia realizou unha visita institucional ó concello de Rianxo, a primeira que realiza a este municipio dende a súa chegada ó cargo. Despois de manter un encontro co alcalde, Pedro Piñeiro, na casa consistorial, no que estiveron presentes ademais outras autoridades a nivel local, iniciou unha rolda de visitas por diferentes espazos da vila.
A primeira parada foi ante o busto de Castelao, no Paseo da Ribeira, onde o delegado e o rexedor rianxeiro realizaron unha ofrenda floral. Logo desprazáronse ata a casa de Rafael Dieste, visitando ademais o interior da vivenda, para rematar no Pazo do Martelo. Tres espazos vitais incluídos no denominado Centro Literario Castelao–Academia Literaria de Rianxo. Un proxecto impulsado dende o Goberno Central e no que se levan investidos máis de 1’3 millóns de euros.
Pulo definitivo
Antón Louro comprometeuse a darlle un impulso case definitivo a este proxecto ata completa-la súa execución, para o que serían necesarios por riba dos catro millóns de euros. O propio Delegado do Goberno en Galicia sinalou que o proxecto podería estar rematado na presente lexislatura.
Inversións millonarias
Aínda así o proxecto da Academia Literaria en Rianxo, non é a única inversión do Goberno Central neste municipio. O Delegado do Goberno en Galicia cifrou en máis de 20 millóns de euros os investimentos realizados polo executivo de Zapatero na pasada lexislatura en materia de rexeneración de praias e recuperación do bordo litoral.
Entre os investimentos realizados durante a pasada lexislatura figuran a rexeneración das praias das Cunchas, Tanxil, O Pazo e a Torre levadas a cabo polo Ministerio de Medio Ambiente cun presuposto de máis de seis millóns de euros.
Tamén destaca o proxecto de recuperación da servidume de tránsito da praia da Torre en Taragoña cifrada en preto dos 3 millóns de euros ou os preto de dez investidos nas obras de construción do Polígono Industrial de Té que se executan actualmente.
Redacción Barbanza










