Arxentina-Brasil e España-Portugal semifinais do mundial

hockei250_100709.jpgPONTEVEDRA> Xa temos semifinais no Campionato do Mundo de hockei patíns despois dos cuartos de final disputados onte, onde as favoritas non erraron: por un lado enfrontaranse Arxentina e Brasil e polo outro, España e Portugal.

Chega o arreón definitivo. Tódalas seleccións que sobre o papel eran favoritas, estarán nas semifinais desta noite, cada unha delas co seu especial atractivo.

A primeira que se disputará será a que enfronte a Brasil con Arxentina. Nos cuartos de final de onte, a albiceleste sufríu máis da conta para desfacerse dun rival a priori inferior como Italia. Os de Martinazzo adiantáronse moi cedo no marcador grazas a un gol de Pablo Álvarez, que repetiría ó comezo da segunda metade. Nicolia Cabeza poñía o 3-0, pero se de algo presumíu durante este torneo a selección italiana foi da súa combatividade. Aproveitaron a relaxación rival para reducir diferencias e colocarse nos últimos intres 3-2. A gran actuación do porteiro argentino Turco evitou que o partido fose á prórroga.

O seu rival será Brasil que onte non tivo a penas problemas para desfacerse de Angola nun partido máis plácido do previsto. O mal arranque dos africanos, que encaixaron dous goles nos primeiros tres minutos, fixo que as cousas foran máis sinxelas para Brasil que venceu por 4-0.

Pola outra parte do cadro, un partido con sabor a final: España-Portugal. A selección nacional venceu onte a Suiza por 4-1, un marcador que non reflicte o que sufriron os españois, sobre todo na primeira metade. Tiveron que remontar un gol en contra, pero cando se puxeron por diante dominaron con claridade.

Tamén sufriron os lusos para impoñerse a unha Francia que demostrou ser unha gran selección. 4-2 para Portugal tras un encontro moi igualado que se decidíu nos últimos sete minutos grazas ós dous tantos de Pereira.

Os gañadores de ámbalas dúas eliminatorias enfrontarnase na finalísima de mañá, ás 21:30 horas.

Redacción Salnés