SALNÉS> A quinta e a sexta proba da Liga Galega de traíñas dispútase esta fin de semana. A competición continúa na zona do Barbanza desta volta coas bandeiras da Pobra e de Rianxo. Ademais, a Liga San Miguel visita O Grove e Pontevedra.
As traíñas volverán a ser foco de atención no deporte. Catro regatas, en dous días, tres delas a disputarse na Ría de Arousa.
Moitas das miradas estarán postas en ver o que acontece na Liga Galega. Para mañá está programada a IV Bandeira Concello da Pobra do Caramiñal. Ás 16:00 celebrarase a reunión de delegados e para as 17:30 quedará o comezo da competición no porto comercial. Esta bandeira contará un ano máis co atractivo dun campo de regatas pouco habitual, xa que se disputa a seis largos con cinco viradas o que permite ós espectadores situados no porto seguir mellor o espectáculo.
Ó día seguinte, para o domingo, está programada a VI Bandeira Concello de Rianxo que dará comezo ás 11:30. Agora mesmo a clasificación xeral está comandada por Chapela que buscará manter o liderato no Barbanza. Por detrás Cabo de Cruz a dous puntos e Náutico de Vigo a tres, tentarán impedilo. A nove puntos sitúase Mecos, unha das favoritas para levarse as victorias parciais desta fin de semana dada a súa boa actuación na última bandeira de Boiro.
O espectáculo das traíñas tamén estará presente nas rías coa Liga San Miguel, que chega a Galicia para disputar a terceira e cuarta regata. A primeira delas en Pedras Negras, mañá a partires das 18:00 XII Bandeira Telefónica-Gran Premio Concello de O Grove. O domingo pola mañá disputarase a Bandeira Ría de Ponttevedra. As embarcacións de Meira e Tirán quererán acadar uns bos resultados na súa terra que os afasten dos últimos postos da xeral que agora ocupan.
Estas probas verán o nacemento paralelo da liga femenina de traiñas, Euskotren. Catro seleccións competirán por ser as mellores: a catalana, a galega, a bizcaína e a guipuzcoana.
Redacción Salnés