Conles e Roberto deixan o Arousa e fichan polo Céltiga

conles250_150709.jpgSALNÉS> Houbo varios movementos no mercado de fichaxes nas últimas horas. O gran protagonista, o Céltiga, que acadou o compromiso de dous ex-arousistas: Manu Conles e Roberto. No club vilagarcián non sentou nada ben a marcha á Illa dos dous atacantes.

Os xogadores do Arousa continúan a ser obxectivo prioritario da directiva do Céltiga. Son xa catro os que cambiaron Vilagarcía pola Illa. Os últimos en chegar, Manu Conles e Roberto, dous atacantes xóvenes e con calidade de sobra como para triunfar na Terceira.

Pero a marcha de Conles, principalmente, non sentou demasiado ben na Lomba. O de Godos, chegou ó Arousa tralo seu paso polas categorías inferiores do Celta e dende o conxunto vilagarcián déuselle a oportunidade de debutar na Terceira. Agora, o descenso, os impagos e a figura de Pablo Vázquez que lle animou a proseguir con el na Illa, lévanlle ó Salvador Otero.

O caso de Roberto é diferente. A súa fichaxe ven dada pola falta de gol que o Céltiga acusou durante a temporada pasada. Pese a pasarse gran parte do ano no dique seco por unha lesión de xeonllo, agardan que Roberto poida explotar neste curso futbolístico.

Na Illa tamén agardan entrar nese grupo de equipos que optan a facerse cos servicios de Hugo Soto. O de Vilaxoán está á espera de recibir algunha oferta dalgún club de superior categoría. Senón lle convence no aspecto deportivo e económico podería recalar tamén no Céltiga, aínda que semella a día de hoxe complicado.

Redacción Salnés