O Sanxenxo-Ribadumia protagonista da xornada

SALNÉS> Na Terceira o Portonovo descansa mentres que o Vilalonga retoma a competición enfrontándose o As Pontes. Da Preferente, o encontro máis destacado será o que disputen no Revel, Sanxenxo e Ribadumia.

Treito final de temporada para o Vilalonga ó que lle quedan nove partidos por disputar. Os 35 puntos que arestora suma fai pensar que con tres partidos máis gañados, a salvación estará conseguida. Os de Gabi Leis, despois da semana descanso, queren retomar con forza a competición ante As Pontes, outro equipo en situación similar. O conxunto dirixido por Alberto López suma un punto máis que os celestes pero levan coma eles catro partidos sen gañar, nos que ademais, recibiron doce goles. Partido aberto o que se espera no Poboado, un campo no que o Vilalonga nunca venceu.

Na Preferente Sur a atención estará centrada no que aconteza no Revel. Sanxenxo e Ribadumia xóganse máis que a honra de vencer un derbi. Os locais saben que están ante unha oportunidade única para intentar acadar o ascenso a Terceira. Os de Sorbet teñen que sumar fóra da casa dunha vez por todas para referendar a boa imaxe que deron ante o Arosa e dar outro paso máis de cara a salvación.

Quen pode dar un salto importante esta semana e alonxarse da zona perigosa é o Céltiga que recibe ó penúltimo na xeral, o Arenteiro. Cos ánimos máis calmados, na Illa non queren que o favoritismo lles pase factura como aconteceu ante A Peroxa.

Precisamente A Peroxa é o rival desta semana do Arosa, que non pode errar ante o equipo máis débil da categoría. Despois do varapalo sufrido na Senra, o equipo está concienciado para sufrir no que resta de temporada.

Tamén na loita pola salvación está sumido o Cambados que tocaralle xogar ante o Ourense B o domingo pola mañá. Os de Oliveira, coa moral recuperada tras superar ó Pontellas buscan unha victoria a domicilio que lles dé un pulo na clasificación.

Destacado da xornada tamén será o Marín – Atios, os outros dous equipos metidos na pelexa pola permanencia enfróntanse entre sí.

Redacción Salnés