O Xuven renunciará á praza que lle ofreza a Federación

CAMBADOS> Aínda colea a derrota do Xuven na eliminatoria fronte ó Sabadell. Pese a non acadar o ascenso a Leb Prata, o balance da temporada non pode ser máis que exitoso. Dende o club xa se puxeron a traballar na confección dun plantel para a vindeira campaña que poida ilusionar do mesmo xeito a afección.

Tan só dous días despois dun doloroso empate que significou a derrota na eliminatoria ante o Sabadell, dende o Xuven, queren coller a inercia e o poso que deixou este equipo na afección cambadesa para tratar de enganchar ó baloncesto ó maior número de xente.

O xogo e os resultados acadados este ano propiciaron que O Pombal amosara a mellor cara da súa historia, con cheos a rebosar nos últimos cinco partidos que os de Yago Casal xogaron na casa.

Pero o certo é que chegados a este punto a economía mandaba e pese a que o resultado do encontro ante o Sabadell podía ser trascendental para o futuro do club, para tomar un ou outro camiño, a realidade é que o económico prima sobre o deportivo. Gañándose na pista ou nos despachos ese salto de categoría, o presuposto da vindeira campaña sería o mesmo. O único que cambiaría é a presión á que poderían verse sometidas as institucións, obrigadas a cumprir cun equipo que levou o nome de Cambados por toda España. Por iso, de ter gañado ó Sabadell o pasado sábado, o Xuven estaría na Leb Prata o vindeiro ano con case total seguridade. Agora, esa mesma praza lle será ofrecida pola Federación, pero dende a directiva xa aseguraron que van renunciar a ela e que continuarán unha temporada máis en Liga EBA.

O primeiro que buscarán a partir de agora é a continuidade de Yago Casal, co que están tremendamente satisfeitos a nivel humano e profesional. Traballarán tamén pola continuidade da gran parte do plantel, buscando facer un equipo o máis semellante posible ó deste ano. Entre medias iniciarán unha campaña de socios coa que tentarán que o aspecto que presentou o Pombal este último mes, se repita durante todo o ano.

Redacción Salnés