CALDAS> Unha muller portuguesa residente en Caldas faleceu hoxe no Pousadoiro, tras chocar coa súa furgoneta contra un autobús.
{flowplayer}images/salnes/accidente_pousadoiro.flv{/flowplayer}
CALDAS> Unha muller, de nacionalidade portuguesa, faleceu esta mañá na estrada PO-305. A muller, que residía en Caldas, saíuse coa súa furgoneta do carril chocando cun autobús no que viaxaban oito persoas, todas elas con feridas leves. As causas do accidente apuntan a un exceso de velocidade.
Esta mañá produciuse un accidente na estrada PO-305, a un quilómetro do centro urbano de Caldas. No sinistro víronse implicados unha furgoneta, que pertencía a unha empresa de xardinería, e un autobús da empresa Benito Abalo. A condutora da furgoneta, falecida no acto, circulaba en dirección Caldas cando invadiu o carril contrario chocando, deste xeito, coa parte frontal do autobús que circulaba correctamente.
A falecida, de 34 anos e de nacionalidade portuguesa, inda que residía en Caldas, perdeu o control sobre o seu vehículo ó circular a unha velocidade inadecuada dado o estado no que se encontraba hoxe a estrada. Os ocupantes do autobús, oito persoas incluídas o condutor, foron trasladadas ó Hospital Domínguez de Pontevedra, todas elas con lesións leves.
Foi un ocupante do autobús quen avisou do sucedido. Dende ese intre e ata que se retiraron os dous vehículos, a estrada permaneceu cortada en dirección Caldas.
Redacción Salnés