40 regatistas perfeccionan a súa técnica en Vilagarcía

optimist250.jpgVILAGARCÍA> Un total de 40 regatistas perfeccionaron en Vilagarcía a súa técnica cos mellores adestradores da clase españois. A Federación Galega de Vela organizou un clinic de Optimist no Centro de Tecnificación arousán. Entre o grupo seleccionado atopábanse oito galegos das categorías A e B da vela infantil.

Finalizou no Centro de Tecnificación da Vela Galega situado en Vilagarcía de Arousa o clinic organizado pola Federación Galega de Vela, no que estaban convocados 40 dos mellores regatistas nacionais das categorías inferiores do deporte da vela.

Coa presenza de destacados instrutores e adestradores doutras federacións españolas, celebráronse catro intensas xornadas dedicadas á perfección na técnica da navegación, aparellado e desaparellado das embarcacións, antes, durante e logo de cada saída á mar, extrateixa de regata e análisis de vídeos gravados durante este encontro para atopar os puntos fracos en cada manobra.

En representación da comunidade galega tomaron parte nesta iniciativa da sección de vela infantil da Federación Galega de Vela, coordinada por Jaime García, tres regatistas da máxima categoría como son Pedro Martínez, do Real Club Náutico de Vigo; Álvaro Lence, do Club Marítimo de Canido; e Jesús Fernández, do Club Náutico e Deportivo de Riveira.

Neste encontro tamén participaron cinco novas promesas da categoría B, invitadas ao Centro de Tecnificación da Vela Galega pola súa gran proxección na clase, tendo por diante algúns anos de permanencia na mesma. Javier Rodríguez-Triana de las Cuevas, do Real Club Náutico de Sanxenxo; Andrés Álvarez e Diego Ferral, do Real Club de Mar de Aguete; e Miguel Castelao e David Segura, do Real Club Náutico de Vigo.

A continuidade ao adestramento desenvolvido en Vilagarcía producirase na cidade de A Coruña, ata a que se trasladaron hoxe mesmo para tomar parte na Semana Náutica que organiza o Real Club Náutico coruñés, desde mañá venres ata o domingo.

A Concentración Interrexional da Clase Optimist foi posible grazas á intervención da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Caixanova, os Supermercados Froiz e ASTEC.

Redacción Salnés