![]()
SALNÉS> Caeu o Xuven en Oviedo con rotundidade aínda que a boa nova para os cambadeses é que dependerán deles mesmos para ser quintos. Mentres o Extrugasa perdeu en Santiago ante o Pío XII, un partido ó que chegou condicionado polas lesións.
Terceira derrota da temporada para o Extrugasa na súa visita ó Pió XII de Santiago (65-60). As vilagarciáns notaron en exceso que a súa tripleta de xogadoras exteriores chegaban tocadas á cita. Non estiveron ben sobre todo Montse Gilabert e Ylenia Manzanares, de feito entre as dúas sumaron un punto de valoración ó final do choque. Algo máis acertada estivo Cristina Souza que aínda así non raiou ó nivel que acostuma por esa bursite que arrastra dende hai dez días.
Con todo o Extrugasa estivo vivo no encontro ata o final. Como sempre a saída foi boa e as vilagarciáns dominaron con escasas rentas nos primeiros vinte minutos. A pausa sentoulles mellor ás locais que aproveitaron o desacerto das de Tito Díaz para remontar e marcharse no marcador. Nos derradeiros intres a loita foi máis polo basketaverage que pola victoria; un triunfo menor para o Extrugasa que en caso de empate a final de liga co Pío superaríalles por ter gañado por 11 en Fontecarmoa.
O Extrugasa mantén o liderato mercede a derrota en Bembibre do Arranz Jopisa Burgos. Iso si, a cabeza aprétase con cinco equipos que manteñen unha única victoria de diferencia.
Mentres na Liga EBA o Establecimientos Otero tamén perdeu (105-66), pero era de prever. O Feve Oviedo era o líder e arrastraba unha xeira de catorce victorias consecutivas que agora son quince. Os cambadeses aguantaron pouco máis dun cuarto ante a calidade do cadro asturiano.
O mellor da xornada foi a victoria do Xiria ante o Ourense o que deixa con moitas opcións ó Xuven de rematar quinto. Tan só debería gañar ós de Carballo na última xornada sen necesidade de mirar outros resultados.
Redacción Salnés







