VILAGARCÍA> Miles de afeccionados déronse cita esta fin de semana no porto de Vilaxoán para seguir de preto o Campionato de España de Traiñas. A embarcación de Kaiku foi onte a máis rápida na quenda de honor e levouse o título. Os vascos recibiron a bandeira de mans da Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa.
Para algúns era a tapada pero os entendidos sabían que unha das grandes favoritas para levarse o título nacional de traíñas era Kaiku. E así sucedeu.
Os sestaotarras puideron poñer en liza todo o seu potencial, sen ter que cubrir o cupo de remeiros da casa, como lle sucede na Liga San Miguel. Impúxose con autoridade, tras unha gran remontada polo carril de fóra, o máis afectado polo vento e nun sprint final apretadísimo con Pedreña.
Os cántabros lideraron a proba dende o principio pero desfondáronse no último longo. Pese a iso superaron ós seus veciños de Astillero, o gran dominador dos campionatos na última década. Hondarribia rematou cuarta a máis de vinte segundos.
Kaiku acadou deste xeito o cuarto título nacional da súa historia. Os anteriores databan dos anos 1978, 1981 e o 1982, cando acadaron o último, ata o de onte.
En canto ós representantes galegos, tiveron que conformarse coas últimas posicións. Mecos non puido dar a sorpresa e tras finalizar última o sábado, onte tamén quedouse moi lonxe das súas rivais. Tirán gañoulle a partida a Samertolameu e venceu no particular duelo entre moañeses. Castro quedouse finalmente co quinto posto, tras facer unha gran desgaste, demostrando que a súa ausencia na final foi un accidente.
Xunto ós milleiros de afeccionados que se deron cita no porto de Vilaxoán, numerosas autoridades presenciaron de preto unha regata que foi tamén un éxito no organizativo.
A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, entregou a tripulación vencedora a bandeira que os acredita como os novos campións de España.
Redacción Salnés