Cristina González e Ana Fernández serán as raíñas das Festas

    reinadamasmayor100.jpgSANXENXO> A vila de Sanxenxo inicia o vindeiro luns as súas festas patronais. Serán oito días de festa dedicados a San Xenxo e Santa Rosalía.

    As festas de Sanxenxo xa teñen as súas caras bonitas. Cristina González e Ana Fernández serán as raíñas maior e infantil, mentres que Lucía Rodríguez será a raíña turista. A vila comeza os festexos o vindeiro luns e ata o 5 de setembro desenvolveranse diversas actividades en honra ós patróns San Xenxo e Santa Rosalía.

    Tralo chupinazo que lanzará a alcaldesa o luns ó mediodía e a inauguración da feira da mel, pola noite, o actor galego Sergio Pazos, lerá o pregón que dará inicio a estes oito días de festa. Como é tradicional, o 25 , día do patrón San Xenxo, dedicarase ós turistas, e para eles asaranse no porto mil quilos de sardiñas.

    Amais de actos relixiosos e deportivos, destaca a celebración da Feira da Cebola, coincidindo co día dedicado a Santa Rosalía, o 4 de setembro. Nesta ocasión, as cebolas de ouro seranlles entregadas á xornalista Esther Eiros e ó Moto Club Amigos de la Moto de Sanxenxo, organizadores da concentración mototurística de Sanxenxo, que xa vai pola súa edición número 25.

    Redacción Salnés