O cuadripartito aproba os orzamentos coa oposición de PP e A Meca

    pleno_grove_100_221209.jpgO GROVE> O municipio contará con preto de nove millóns e medio de euros de presuposto para o 2010, medio millón menos que este ano.

    {flowplayer}images/salnes/221209_pleno_grove.flv{/flowplayer}

    As contas para o 2010 xa están feitas. O Grove contará o vindeiro ano con preto de nove millóns e medio de euros para enfrontar os gastos e investimentos no municipio. É medio millón menos que neste 2009. Un axuste de cinto que non escapou á polémica. Pero a novidade non estaba nesta ocasión na cifra, senón no calendario, porque resulta pouco habitual que o concello meco entre no novo exercicio cos presupostos xa aprobados.

    Como estaba previsto, o apoio dos grupos do cuadripartito foi o que sacou adiante os orzamentos. E tamén, como se esperaba, os únicos votos en contra chegaron da oposición. PP e Alternativa Meca. Os motivos: un de forma, xa que argumentan que non se contou con eles na redacción do documento. E os outros de fondo, ó manter que faltan recursos en política social e sobran nos soldos de algúns concelleiros e na creación, alegan, dalgúns postos de confianza, como a praza de arquitecto superior que o goberno meco pretende crear. Os populares apuntan tamén a contratación de personal de confianza do edil de Esquerda Unida Xan Lamelas, e propoñen que o gasto que suporán estes postos “a dedo” se reinvistan nun técnico de turismo.

    Outra das ideas que expuxo o PP no pleno de onte foi eliminar esa praza de arquitecto superior, cun custe de 40.200 euros, e destinar a partida a políticas sociais, como fomento do emprego, axudas á natalidade ou reinserción de persoas discapacitadas. Na mesma liña se manifestou a voceira de A Meca, Ayda Filgueira.

    Arredor do 40 por cento dos gastos previstos para o 2010 destinaranse á compra de bens e servizos. Para recadar parte destas contías, o concello subirá as tasas e impostos municipais con respecto ó 2009.

    Redacción Salnés