VILANOVA> O segredo mellor gardado do Entroido do Salnés desvelouse onte en Vilanova de Arousa. O aínda presidente do goberno, Pedro Sánchez, foi o escollido para a identidade do Momo. A carroza principal converteuse nun avión Falcon no que, xunto a outras personaxes da política actual, viaxaba o ditador Francisco Franco. Coa súa queima, centos de persoas dixeron adeus ao Entroido vilanovés.
Con moita festa despediu Vilanova o Entroido deste 2019.
Fíxoo, coma sempre, coa queima do Momo. A súa identidade é un dos segredos mellor gardados da comarca, e onte puidemos verlle a cara. O escollido foi o aínda presidente do goberno, Pedro Sánchez, ao lombo do seu avión Falcon acompañado de persoeiros da política actual e do ditador Francisco Franco.
Co actor Luis Zahera como mestre de cerimonias, o desfile percorreu toda a vila. E é que Vilanova arriscou e acertou cando decidiu manter o evento a pesares da ameaza de chuvia.
De feito, as cifras deste Entroido 2019 son de récord para Vilanova, tanto de comparsas participantes como de público asistente. Unha cita multitudinaria marcada pola festa, o bo ambiente e a imaxinación.
Despois de despedir entre as lapas ao Momo deste ano, a festa estendeuse ata ben entrada a noite, confirmando o concello de Vilanova como un dos reis do Entroido do Salnés.