Prisión provisional para seis dos detidos na Operación Terranova

    operacion_terranova_100_190809.jpgPONTEVEDRA> A primeira fase do dispositivo antidroga permite desarticular  unha organización especializada na venda e distribución de cocaína en Galicia.

    {flowplayer}images/salnes/170809_operacion_terranova.flv{/flowplayer}

    A Operación Terranova comezaba a principios de ano cando a Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil detectou varios puntos de venda de droga na provincia de Pontevedra. Pero non foi ata o pasado xoves cando se practicaron as primeiras detencións. En total, esta primeira fase da operación concluía onte co ingreso en prisión provisional sen fianza de seis dos trece detidos ata o momento.

    Roldaban as catro da madrugada cando a titular do Xulgado número tres de Cambados, Eva Armesto, ditaba o auto de prisión despois de dúas longas xornadas de interrogatorios durante o sábado e o luns. Entre os arrestados que xa están no cárcere atópanse os supostos líderes da rede, tres madrileños que presuntamente se encargaban de trasladar a cocaína desde Madrid a Galicia, e un cambadés que lla subministraba ós distribuidores na zona do Salnés e Moaña. Este último está considerado o principal dirixente da organización. Foi detido en Valencia xunto a dous colaboradores. As demais detencións tiveron lugar nos municipios de Cambados, O Grove, Sanxenxo e Moaña.

    Xunto ás trece persoas detidas, a Operación Terranova saldouse polo momento cun total de once rexistros domiciliarios en varias localidades da provincia de Pontevedra e Madrid. Nestas inspeccións, a Policía Xudicial interceptou dez quilos e medio de cocaína, substancias para a adulteración, corte e envasado das drogas, máis de 300.000 euros en efectivo, 3 máquinas para contar billetes e doce vehículos, oito deles de alta gama, algún valorado en máis de 70.000 euros. Xunto a este material, os axentes tamén localizaron tres armas de fogo curtas. Segundo fontes policiais, os seus propietarios carecen da licenza precisa, polo que xa se abriu unha investigación para coñecer a súa procedencia.

    A Garda Civil considera desarticulada unha importante organización especializada na venda e distribución de cocaína en Galicia, pero a investigación segue aberta e non se descartan novas detencións.

    Redacción Salnés