A XV Bandeira Concello de Vilagarcía pode ser decisiva

traias250_210809.jpgVILAGARCÍA> Volven as traíñas. Xa entramos no tramo final da competición na Liga Galega. Quedan tres bandeiras que decidirán o novo campión e dúas dispútanse esta fin de semana. Mañá rémase en Ferrol e o domingo, XV Bandeira Concello de Vilagarcía, que foi presentada esta mañá.

Vilagarcía prepárase para acoller unha regata espectacular. Xa o foi a última, a do Campionato de España, e esta podería ser decisiva para decidir o campión da Liga Galega de Traíñas de 2009.

Organizada pola Fundación Municipal de Deportes máis polo Club de Remo Vilaxoán este será a decimoquinta bandeira Concello e Vilagarcía, a penúltima do calendario. Ben é certo que a competición aínda ten que pasar antes por Ferrol, o que podería, ben clarificar as cousas na xeral, ou ben apretalas máis.

O certo é que a día de hoxe Cabo chega líder, con Náutico de Vigo a catro puntos e recurtando. A que acude no seu mellor momento é Mecos, que ven de facer dous primeiros e un segundo posto e está a nove puntos do liderato. É moita distancia, pero posibilidades ten.

Como as quere ter Vilaxoán. Son os anfitrións e gustaríalles completar un bo papel ante a súa afección, aínda que remaran sen presión.

A Bandeira Concello de Vilagarcía será o domingo, ás 11:30. A quenda de favoritos sairá unha hora máis tarde. Antes, mañá, a VI Bandeira Cidade de Ferrol, na praia de San Xurxo.

Redacción Salnés