O Caudal de Mieres rival do Boiro na fase de ascenso a 2ª B

BOIRO> O partido de ida celebrarase xa este domingo en Barraña. O sorteo celebrado na Real Federación Española de Fútbol emparellou ó Club Deportivo Boiro co Caudal de Mieres. Un rival a priori complicado. Trátase dun dos conxuntos históricos asturianos, que xa militou en anteriores temporadas en Segunda B. É o club con máis participacións neste tipo de eliminatorias de tódolos que entraron no sorteo e está adestrado polo exfutbolista profesional Iván Ania, entre outros xogador do Oviedo. O partido entre o Boiro e o Caudal será a eliminatoria dos campións de grupo, polo que o equipo que resulte vencedor ascenderá de xeito directo á categoría de bronce do fútbol español. O perdedor terá unha segunda oportunidade xa que reengancharán as semifinais do play off de ascenso. O sorteo deparou ademais que o partido de ida se dispute este próximo domingo no municipal de Barraña, mentres que a volta será unha semana despois en terras asturianas. Os outros enfrontamentos dos equipos galegos nesta fase de ascenso serán o Cerceda co Villaralbo de Zamora, o Depor B co Palmar de Murcia e o Choco co Badajoz.