Aguiño acollerá en setembro a Romaxe de Crentes Galegos

    romaxecrentesaguino_100_25082009.jpgRIBEIRA> A organización recae na Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño coincidindo co cincuenta aniversario da parroquia.

    O sábado doce de setembro celebrarase en Aguiño a Romaxe de Crentes Galegos á que acudirán, previsiblemente, preto de seis mil persoas. O peso da organización recae na Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño que conseguiu que o encontro se celebrara na parroquia ribeiresa coincidindo co seu cincuenta aniversario.

    Aguiño ten un lugar destacado na historia da Romaxe de Crentes Galegos posto que é o único lugar onde este encontro de convivencia se realizou en máis dunha ocasión e sempre con enorme éxito de participación. A primeira no ano 79 conseguiu congregar a tres mil persoas e a segunda no 95 achegouse ós cinco mil.

    "Un mar de Grazas"

    Este encontro, que se celebra este ano baixo o lema ‘Un mar de grazas’ adquire un carácter aínda máis especial coincidindo coa celebración do cincuenta aniversario da parroquia de Aguiño e co quinto do pasamento do párroco Francisco Lorenzo Mariño. É por elo que, dende a asociación cultural solicitaron á coordinadora de crentes galegos poder organizar a romaxe con motivo desta efeméride.

     {flowplayer}barbanza/romaxecrentesaguino.flv{/flowplayer}

    Pero na súa organziación colaboran outras moitas entidades como o concello de Ribeira, as asociacións veciñais Ardora e Dourixeira, os grupos de gaitas A Gandaina e Arume ou as empresas patrocinadoras; entre elas, Ángel López Soto, a clínica dental Gonzalo López Castro, ou as panaderías Falcón e Isabel. Dende a asociación quixeron agradecer a colaboración destas e doutras entidades e persoas que fan posible a celebración da romaxe.

    O lugar elixido será o miradoiro de Couso onde comezará a sucederse as actividades dende as once da mañá. Haberá ademais dos actos relixiosos unha degustación gastronómica e actuacións musicais, así como diversos postos de artesanía e produtos de comercio xusto.

    Entre algunhas das sorpresas que desvelou a organización destacan a bendición de augas chegadas de varios puntos de Galicia ou o carácter reivindicativo da procesión do Evanxeo.

    Redacción Barbanza