González Maceiras abandona ICB por discrepancias con Manuel Velo

    abandonomaceirasicb_100_26082009.jpgBOIRO> Pasará a ser concelleiro non adscrito da corporación municipal para seguir traballando polos boireses ata o remate da actual lexislatura.

    En comparecencia pública Luis González Maceiras anunciou que tramitara a súa baixa como concelleiro de Iniciativa Cidadá de Boiro e a súa inclusión no grupo dos edis non adscritos, do que será único integrante. Achacou esta decisión ao distanciamento e falta de comunicación que existe co voceiro da agrupación política, Manuel Velo.

    {flowplayer}barbanza/abandonomaceirasicb.flv{/flowplayer}

    O ex concelleiro de Iniciativa Cidadá de Boiro argumentou que Velo, que será agora o único integrante de ICB, non lle informa das súas decisións nin conta con el a hora de trazar as directrices políticas da formación. Con esta decisión, González Maceiras quere tamén desmarcarse da liña política que segue Manuel Velo, que se está a centrar, dixo en continuas denuncias e ataques persoais contra integrantes do actual grupo de goberno e contra antiguos rexedores boireses.

    Fraude política

    O ex edil de ICB quixo deixar claro que valora a etapa como rexedor de Boiro de Manuel Velo, que asegurou, contribuiu ao desenvolvemento do municipio pero tamén o convidou a facer unha reflexión sobre unha retirada a tempo. Explicou que en ningún momento considerou abandonar a súa acta de concelleiro, dado que, dixo eso sería unha “fraude con todos os votantes que o apoiaron nesta lexislatura”.

    Dende a súa posición de edil non adscrito, González Maceiras espera abrir unha nova etapa en Boiro co obxectivo prioritario de seguir atendendo as demandas dos cidadáns.

    Luis González recalcou que a súa decisión, que adoptou logo dunha profunda reflexión, non está motivada por presións de ningún tipo e en todo momento contou co apoio da súa familia. Non así dos seus compañeiros de ringleiras na formación política. Malia que González Maceiras non quixo afondar neste sentido, asegurou que esta ruptura non lle quita as ganas de seguir traballando para todos os boireses.

    Duras críticas

    Pola súa banda, Manuel Velo criticou duramente a González Maceiras por non terlle comunicado a súa decisión antes de facela pública. Acusouno de deslealdade política por abandonar a formación sen renunciar a súa acta de concelleiro, algo que acordaran a principio da lexislatura. Con esta manobra, engadiu o voceiro de ICB, demostra que quere seguir na corporación municipal “a calquera prezo”.

    Con todo, Manuel Velo manifestou a súa intención de pronunciarse públicamente sobre este asunto nos vindeiros días, logo de consultar co resto de integrantes da súa formación.

    Redacción Barbanza