A POBRA> Máis de mil nenos participarán no Torneo Solidario de Fútbol Base Congalsa que se celebrará na Pobra o 24 e o 25 de maio. Como en anteriores edicións, a finalidade do evento deportivo é a recadación de fondos para a fundación Aladina.
O estadio pobrense da Alta acollerá entre o 24 e o 25 de maio o Torneo Solidario de Fútbol Base Congalsa. Trátase da sétima edición desta cita deportiva impulsada por Julio Mariño co fin de recadar fondos para a Fundación Aladina que apoia a nenos con cancro e as súas familias.
Máis de mil rapaces de clubs de toda España e mesmo de Europa tomarán parte nesta fin de semana deportiva na que a competición é o de menos.
A cita conta co apoio de numerosos patrocinadores. Dende administracións públicas ata entidades como a Federación Galega de Fútbol e empresas privadas con Congalsa á cabeza.
O padriño do evento este ano será o pobrense Rubén López, actual seleccionador galego sub-16.









