O Vilalonga non pasa do empate ante o Cultural Areas

vilalonga250_240909.jpgSANXENXO> Os celestes empataron co Cultural Areas (2-2) nun partido igualado de principio a fin. Os de Gabi Leis continúan sen collerlle o ritmo á competición e aínda non saben o que é gañar este ano.

{flowplayer}images/salnes/vilalonga_240909.flv{/flowplayer} 

Non acaba de arrancar o Vilalonga. Onte tiña unha boa ocasión de sumar a súa primeira victoria da temporada pero deixou marchar dous puntos de San Pedro ante o Cultural Areas, un recén ascendido, pero que demostrou ser un equipo de sobra capacitado para manterse.

O partido foi igualado de principio a fin en xogo e ocasións. A lectura positiva que pode facer Gabi Leis é que por fin chegaron os goles, e por fin da súa parella de dianteiros. Saúl sería o que inauguraría o marcador pasada a media hora, nunha boa acción individual na que aguantou ben a tarascada do seu par e soubo superar a Xan, porteiro rival.

Con 1-0 e sen tempo practicamente para desfrutalo, chegaba a igualada. Chuli sacouse un disparo dende fóra da área que petou nun defensor e despistou a Pazos. 1-1 e así ós vestiarios.

A segunda metade arrancou de xeito inmellorable para o Vilalonga. Unha arrancada dende banda dereita de Diego Villaverde desarbolou á zaga visitante. Machu en boca de gol facía o segundo.

O partido entón tomouse un respiro ata que chegou de novo o empate nun desaxuste da defensa local. Nandi quedouse só diante de Melchor, superouno e definíu con clase. Ese 2-2 xa non se movería pese ós intentos finais do Vilalonga por deixar os tres puntos na casa.

O empate sabe a pouco e os deixa cuartos pola cola con tan só dous puntos sumados en cinco xornadas. O domingo terán unha reválida ante outro recén ascendido, o Bergantiños.

Redacción Salnés