Rianxo volve acoller unha proba do Open de Andainas 25 km

RIANXO> O Club de Montaña Vintedouspés volve organizar a andaina de 25 Km do Barbanza. A proba, que terá lugar o vindeiro  29 de setembro, forma parte do sexto Open de Andainas de Regularidade que organiza a Federación Galega de Montañismo.

Rianxo acollerá o próximo domingo 29 de setembro a quinta das sete probas que integran este ano o calendario do Open de Andainas 25 km. A proba, que está organizada polo Club Vintedous Pés en colaboración co concello de Rianxo, terá dúas distancias, unha de quince quilómetros e outra de vinte e cinco.

As dúas probas terán a súa saída ás nove da mañá dende o entorno de Campo Maneiro, en Taragoña, para percorrer distintos espazos do municipio ata practicamente a cima do Pico Muralla.

Dende a organización estiman unha participación, sumando as dúas probas, de preto dunhas 300 persoas. As inscricións poderán realizarse ata o luns 23 de setembro a través da páxina de Galitiming. O prezo será na de 25 km de nove euros para atletas federados e de doce para o resto de participantes, mentres que na de 15 kmo o prezo será de seis euros para federados e de nove para o resto.