Presentado o Torneo Internacional de Fútbol Base Concello de Rianxo – Escurís

RIANXO> O campionato, con carácter internacional, disputarase os días 18 e 19 de maio no municipal de Vilas. O evento terá un carácter solidario a favor da Fundación Aladina.

Máis de trinta clubs en categorías benxamín e alevín, entre os que se atopan os grandes equipos do fútbol galego como é o caso do Celta, o Deportivo da Coruña ou o Lugo, pero tamén clubs de renome a nivel nacional e internacional, como é o caso do Vilareal, o Sporting de Xixón, o Oporto ou o Fulham inglés, entre outros, tomarán parte neste Torneo de Fútbol Base Concello de Rianxo – Escurís.

Desnde a organización destacaron os fins solidarios deste campionato, xa que todo o recadado irá a parar á Fundación Aladina, para o tratamento de nenos con cancro.

Como padriños do torneo figuran a atleta pobrense Lidia Parada e o futbolista ribeirense Adrián Armental, actualmente nas filas do Racing de Ferrol, que non quixo perderse tampouco a presentación.

Dende a organización destacaron o apoio e a colaboración mostrada tanto polo concello de Rianxo coma polo Club Deportivo Unión, que actuará de equipo anfitrión no torneo, así como tamén polas distintas empresas e casas comerciais de todo o Barbanza, ó redor dun centenar, xa que sen a súa axuda sería practicamente imposible poder celebrar un torneo de tanta envergadura.