Céltiga e Lalín rinden tributo ó futbol cun partidazo

celtiga250_240909.jpgILLA> Céltiga e Lalín deron un auténtico espectáculo onte no Salvador Otero. 4-3 gañaron os da Illa no que foi un dos mellores partidos dos últimos anos.

{flowplayer}images/salnes/celtiga_240909.flv{/flowplayer}

Partidazo en toda regla o que se vivíu no Salvador Otero. Céltiga e Lalín querían gañar e a iso foron, directos a pola portería rival dende o pitazo inicial.

O primeiro en coller o mando do xogo sería o Lalín, que dispuxo dos primeiros achegamentos con perigo. Pero o primeiro en pegar sería o Céltiga, ós 12 minutos. Hugo estreaba a súa conta goleadora cun tanto sinxelamente xenial. O de Vilaxoán sería á postre o gran protagonista do encontro.

A respota do Lalín tardou pouco en chegar. Ós 25′ empataba coa testa Matelo un servicio medido de Ángel. Sete minutos despois, de novo Ángel entraba en acción para poñer un saque de esquina pasado que finalmente remataría a gol Rubén. O Céltiga non xogaba mal, pero a ineficaz defensa nos balóns aéreos fixéronlle irse ó descanso por debaixo no marcador.

Pero o mellor que lle pode pasar a un é marcar xusto antes ou xusto despois de marcharse ós vestiarios. E así o fixo Hugo, no primeiro minuto da reanudación rompeu un balón dende 25 metros que significaba o 2-2. Pouco despois puido asinar o hat-trick. Penalti sobre Fran Matos; Hugo lanza e Javi López saca unha mano prodixiosa.

Pero lonxe de virse abaixo desquitouse á media hora da segunda. Gañoulle as costas á defensa rival para servirlle en bandexa o gol a Roberto. Contra de libro e 3-2.

Co resultado dado a volta todo semellaba case finalizado. Pero o Lalín non se rendeu e empatou o partido. O colexiado compensoulles co penalti pitado na outra área, ben é certo que acertou nas dúas. O goleador do conxunto de Acevedo, Coria, non errou.

Sen tempo para lamentarse o Céltiga acadou o cuarto. Agora sí Javi López errou na súa saída deixando o balón franco para Fernando. A serenidade e a calidade do ex-arousista fixeron o demais.

Así con 4-3 rematou un encontro tolo que deixou contentos ós afeccionados e ó Céltiga en metade de táboa con oito puntos sumados de quince posibles.

Redacción Salnés