As atletas do Liceo Casino quedan terceiras no Autonómico de Atletismo Junior

VILAGARCÍA > O Pavillón Ourense en categoría masculina e o Ría de Ferrol na feminina foron os vencedores absolutos do Campionato Galego Júnior de Atletismo. A competición disputouse esta fin de semana nas pistas de Fontecarmoa, en Vilagarcía. O equipo local, o Inmobiliaria Tellanova Liceo Casino acadou a terceira praza en féminas.

atletismojunior_300_090506.jpgAs féminas do conxunto vilagarcián Inmobiliaria Tellanova – Liceo Casino foron as máis destacadas do seu club no Campionato Galego Júnior de Atletismo disputado o sábado en Fontecarmoa. As arousáns finalizaron na terceira praza por detrás das ferrolás que sumaron 11.923 puntos e o Ourense feminino que sumou 378 menos. O equipo local conseguiu 9.248 puntos tras unha dura pelexa co Vila de Cangas que acabou cuarto.

A nivel individual os resultados das atletas liceísticas foron satisfactorios, destacando o triunfo de Xiana Carbia nos 1.500 metros. Na segunda praza quedaron Lara Ortigueira, Alba Refojo, Purificación Bermúdez e María Ruso en relevos 4 por 400; esta última repetiu posición nos 3.000 metros lisos, ó igual que Lara Ortigueira en salto de lonxitude, Laura Río nos 5 quilómetros marcha, Saleta Aboy nos 800 metros lisos e Bárbara Cons no triple salto. Pola súa banda María Fernández foi terceira en 100 metros vallas, Inmaculada Diz en 400 e María José Chorén en 200 metros lisos.

A proba serviu para ver en acción ás mellores promesas do atletismo galego tanto en categoría masculina como feminina e consolida a Vilagarcía como unha das localidades onde o atletismo recibe un maior impulso.

Redacción Salnés