Lete anuncia o deseño dun plan para a dinamización do CGTV

lete250_011009.jpgVILAGARCÍA> José Ramón Lete, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Tecnificación de Vela de Vilagarcía. O Secretario Xeral para o Deporte en Galicia afirmou que se está a traballar no deseño dun plan que dinamice o complexo. Queren que se desenvolva como centro de alto rendemento e tamén como escola municipal de vela.

{flowplayer}images/salnes/centrovela_011009.flv{/flowplayer} 

Converter o Centro de Tecnificación de Vilagarcía nun lugar de excelencia e de promoción da vela é o obxectivo da Secretaría Xeral para o Deporte, segundo anunciou hoxe o titular deste departamento no transcurso da súa visita. Xunto a el, a alcaldesa Dolores García, a edil de deportes Victoria Hierro e o presidente do Porto, Javier Puertas, amosaron a súa satisfacción porque o centro se poida explotar dunha vez por todas.

Hai un ano que foi inaugurado e o seu uso ata hoxe foi máis ben escaso. Lete sinalou que a instalación pasará a denominarse Centro Galego de Vela e que será xestionado pola Federación Galega. Destacou tamén que está en conversas por unha banda coa Federación Española, para que o equipo preolímpico femenino de Match Race sente a súa base de adestramentos en Vilagarcía, e pola outra, co Secretario do Estado para o Deporte, Jaime Lissavetzk, ó que lle pedirá que o centro sexa clasificado como de alto rendemento.

Despois de que o anterior goberno autonómico rexeitara a creación dunha escola municipal de vela sen a aportación económica do concello, semella que agora coa nova Xunta as conversas van moito mellor encamiñadas.

Se se cumpre o prometido, moi cedo estará en funcionamento este centro, chamado a ser clave no panorama deportivo dunha Galicia vencellada extraordinariamente ós deportes náuticos.

Redacción Salnés