Álex Pais, principal favorito para levarse a vitoria no XXXI Rali de Noia

NOIA> Na proba, valedeira para o campionato galego, arrancará mañá venres e nela xa hai confirmada a participación dos máis destacados pilotos a nivel autonómico. Como vén acontecendo nos últimos anos a proba que mañá comeza estará moi condicionada pola metereoloxía, especialmente a chuvia, cuns tramos que poden dificultar en moito a chegada dos pilotos á meta, fundamentalmente pola acumulación de lixo na estrada, xa que discorre por zonas rápidas que lle esixirán ós participantes na carreira unha gran concentración. Entre os favoritos a levarse a victoria final estarán o piloto Álex Pais, gañador da primeira proba do campionato galego da especialidade, o Rali do Cocido de Lalín, que encabeza a clasificación polo título autonómico. Na proba tamén se darán cita outros pilotos que tamén destacaron nesta proba como é o caso de Alberto Meira. Na lista de inscritos tamén figuran Manuel Senra, ou os locais Luís Penido e Iago Caamaño da Escudería Berberecho. En liñas xerais a edición deste rali segue un esquema similar ó de edicións anteriores, cun percorrido de 342 quilómetros no seu total divididos en oito treitos, que volverán a levar o nome de varias empresas colaboradoras. Aínda así hai importantes novidades en canto ó seu itinerario. Recuperarase novamente o tramo de Muros e tamén Montemuíño. Un treito, este último, que de seguro marcará as diferenzas finais da proba.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí