Ribadumia-Arousa, un derbi con protagonismo nos banquiños

futbol250_021009.jpgSALNÉS> Céltiga e Vilalonga xogan ambos en casa. Os da Illa reciben ó líder Coruxo, co morbo da volta ó Salvador Otero de Josiño Abalde, mentres que os celestes enfróntanse a un Verín que chega en posto de descenso. Ademais, teremos derbi na Senra entre Ribadumia e Arousa.

Con gañas de seguir remontando posicións. Así afronta a séptima xornada ligueira un Vilalonga que se quitou un peso de enriba a semana pasada tras colleitar a súa primeira victoria do ano. Enfronte terá a un Verín que chega segundo pola cola, un conxunto moi cambiado con respecto ó das últimas temporadas xa que o groso do plantel emigrou este verán ó Arenteiro. Nos seus enfrontamentos na Terceira, dúas victorias para o Vilalonga e unha para os ourensáns. Gabi Leis non poderá contar con Suso nin moi probablemente con Manu Rodríguez. Leo e Nano son a día de hoxe serias dúbidas para o choque.

Mentres o Céltiga recibirá ó líder Coruxo. Visto que os de Pablo Vázquez non son quen de sacar bos resaultados fóra o que queren é facerse fortes na casa. O domingo será o día da volta ó Salvador Otero de Josiño Abalde; non se agarda un mal recibimento por parte da parroquia local. O conxunto vigués, como todos os de Josiño, é agresivo, compacto e traballa moi ben no aspecto defensivo e nas contras. A última victoria como local do Céltiga sobre o Coruxo data da temporada 88/89; dende aquela catro enfrontamentos nos que os visitantes sempre se levaron algún punto da Illa.

Na Preferente Sur, Ribadumia e Arousa enfróntanse na Senra nun derbi que promete ser emocionante. Tamén aquí os adestradores teñen o seu protagonismo. No cadro local debuta Carducho tralo cese esta semana de Santi Serantes, mentres que Ricardo, técnico do Arousa, volta á que fora a súa casa. Por parte dos vilagarciáns varias novidades. Xa poderán contar co malí Pascal Diallo, unha vez chegou o seu transfer, e tamén con Nelo, que chegou a un acordo económico coa directiva e volta á disciplina arlequinada. Podería debutar este domingo.

Ademais, o Cambados visita ó Rapido de Bahía, coa intención de seguir sumando nun campo moi complicado como o de Aldán. En Barreiro, un duelo con sabor a Terceira como o que disputarán Gran Peña e Portonovo, no que os de Rial tentarán vencer para esquencer canto antes o tropezo da semana pasada, mentres que o Sanxenxo, en posicións de descenso, visita un dos campos máis complicados da categoría, ó do Estradense. Mal lugar para tentar iniciar a súa recuperación.

Redacción Salnés