PORTO DO SON> A axuda do concello, uns dez mil euros, permitiralle a este mozo regatista poder seguir competindo coa elite da vela a nivel mundial. Recén chegado de Barcelona, onde se proclamaba, xunto co seu compañeiro Diego Botín, Campión de Europa da clase 49er, Iago López Marra foi recibido no Real Club Náutico de Portosín. Durante o acto, ó que asistiron ademais de membros da xunta directiva do náutico sonense, o propio alcalde, Luís Oujo e o edil de Deportes, Manuel Deán, anunciouse o convenio de colaboración que o concello de Porto do Son vai asinar con este mozo deportista local que lle permitirá seguir competindo coa élite da vela a nivel mundial. No campionato de Europa, a parella española, que forma parte do equipo olímpico da clase 49er, tan só se veu superada polos neozelandeses Peter Burling e Blair Tuke, números un do mundo, campións do Mundo en 2015 e 2016 e subcampións olímpicos en Londres 2012, e tamén polo equipo australiano integrado por Natthan Outteridge e Iain Jensen, campeóns olímpicos en Londres. Ningún deles podía aspirar ó título europeo. Despois dun ano cheo de éxitos, Iago está a espera da resolución da Federación Española de Vela para saber si competirá ou non nos Xogos Olímpicos de Río deste verán. Un soño que persegue dende hai anos e que podería materializarse en breve.
Inicio Deportes