Tres mariñeiros ribeireses entre a tripulación do ‘Alakrana’

    secuestrobarcosomalia_100_02102009.jpgRIBEIRA> Consternación ante a nova do secuestro por piratas somalíes no océano Índico do buque atuneiro basco ‘Alakrana’ no que ían como tripulantes dous veciños de Ribeira e un de Aguiño.

    {flowplayer}barbanza/secuestrobarcosomalia.flv{/flowplayer}

    Aínda que a información vai saíndo a contagotas, ó parecer o ataque producíase esta madrugada. O patrón do ‘Alakrana’ pediu axuda á fragata española ‘Canarias’ que está operando pola zona, alertando de que o buque estaba sendo atacado por piratas. Nese momento as comunicacións interrompéronse bruscamente, perdéndose definitivamente o contacto co barco. Segundo informacións do propio Ministerio de Defensa o ‘Alakrana’ atopábase faenando fóra da zona de seguridade, a unhas 400 millas da costa de Somalia.

    Tres ribeireses

    A bordo do atuneiro basco con base en Bermeo ían un total de 36 tripulantes, dos cales oito eran galegos. Deses oito, tres eran veciños da comarca do Barbanza, concretamente dous de Ribeira e un de Aguiño. Este último trátase de Xosé Manuel Crugeiras como nos confirmou o propio patrón maior aguiñense, Xosé Manuel Oujo.

    Máis tripulación ribeiresa

    Dase a circunstancia que entre a tripulación do ‘Alakrana’ había máis ribeireses, aínda que nesta ocasión se atopaban disfrutando de vacacións, á espera de darlle o relevo a algún dos mariñeiros agora secuestrados.

    Anterior intento de secuestro

    Este mesmo barco sufriu a principios do pasado mes de setembro un intento de ataque dos piratas, do que logrou saír indemne. O mal tempo existente daquela no mar e o feito de que tiveran recollidas as redes propiciou a súa fuxida e que non puideran ser apreixados polos piratas.

    Esta mesma tarde arrivaba ó porto ribeirés o atuneiro ‘Txori Berri’ pertencente a unha compañía asociada á do ‘Alakrana’. Aínda que nesta ocasión o barco non regresaba desa zona, ten traballado alí en numerosas ocasións. A súa tripulación, aínda que non quixo facer declaracións diante das cámaras, comentábanos do perigo que corren e da necesidade de que os gobernos se impliquen nas medidas de seguridade na zona, para tratar de solucionar dunha vez por todas os ataques dos piratas do século XXI.

    Redacción Barbanza