A nova sala de endoscopias do hospital do Barbanza entrará en servizo antes de que remate o ano

RIBEIRA> O Conselleiro de Sanidade visitaba esta mañá a futura sala de endoscopias do hospital do Barbanza. Este novo servizo, que estará operativo antes de rematar o ano, supuxo un investimento de máis de 600 mil euros.

Acompañado dos alcaldes da área de influencia do hospital do Barbanza, o conselleiro de Sanidade visitou esta mañá as obras da nova área de endoscopias que están practicamente rematadas polo que se prevé que entre en servizo antes de fin de ano. Este investimento, de máis de seiscentos mil euros, supón un paso máis no proceso de renovación deste centro hospitalario que no ano 2022 ampliaba a área de urxencias e de cara ó próximo ano iniciará o proceso de ampliación das plantas de hospitalización cunha partida de 200 mil euros para a redacción do proxecto.

A Consellería está tamén a renovar os equipos dos TAC e de anestesia non só neste hospital senón en tódolos centros comarcais de Galicia.

Ademais do investimento en equipamentos, dende o goberno da Xunta traballan tamén na mellora dos recursos humanos coa recente aprobación da Lei de Hospitais Comarcais que, no caso de vacantes, permite ós especialistas dispoñiblesoptar a prazas en propiedade a través dun concurso de méritos.

A visita ás obras da sala de endoscopias coincidía cos actos de celebración do 25 aniversario do hospital do Barbanza nos que tamén participou o Conselleiro. Ademais de autoridades e traballadores, asistiron á celebración os distintos responsables do centro ó longo deste cuarto de século así como a xerente da área sanitaria Santiago Barbanza.

Eloína Núñez fixo un repaso pola historia deste hospital dende os seus inicios nos que tan só contaba con consultas de oftalmoloxía. Nestes 25 anos, o centro foi medrando e marcando importantes fitos como o de converterse no primeiro de Galicia en contar cunha acreditación das normas de calidade no servizo de diálise.