O Arousa perde o liderato da Preferente Sur

arousa_250_121009.jpgVILAGARCÍA> O enfrontamento entre os cabezas da clasificación, Arousa e Arenteiro, saldouse coa vitoria dos ourensáns por 1-2. A polémica do encontro protagonizouna o árbitro Adrián Fernández, ó das por válido o gol de empate dos de O Carballiño logo dunha falta ó vilagarcián Rubén Oliveira.

{flowplayer}images/salnes/121009_FUTBOL_AROUSA.flv{/flowplayer} 

A sétima xornada de liga deixa un cambio no liderato da Preferente Sur. O Arenteiro lograba onte desbancar ó Arousa logo dun partido marcado pola falta de acerto de ámbolos dous equipos e unha cuestionable actuación arbitral. Os vilagarciáns comezaron o encontro con forza, dispostos a manter o seu primeiro posto na táboa. No primeiro cuarto do partido parecían amedrentar ó rival, que se mantiña repregado exercendo unha forte presión no medio do campo. Sen embargo, ningún dos dous equipos foi quen de escaparse á portería contraria nin xerar ocasións claras de gol. Houbo que agardar ó primeiro minuto da segunda parte para que os vilagarciáns deleitasen ó público da Lomba co primeiro tanto do encontro. Foi obra de Adrián Camiño, un espectacular disparo de falta directa desde 25 metros ante o que nada puido facer o porteiro do Arenteiro.

A partir de aquí, os do Carballiño reaccionaron mentres os locais empezaban a perder empuxe. Cos do Arousa sen apenas pisar a área contraria e o Arenteiro ameazando a portería local chegou o minuto 68 do encontro, e con el a polémica. O delanteiro do conxunto ourensán Oli agarra dentro da área ó central Rubén Oliveira, e despois de roubarlle o balón, lanza á portería de Kiko marcando o gol do empate. De nada serviron as protestas do público nin a bandeira levantada por un dos asistentes. O árbitro Adrián Fernández dou por válido o tanto, sentenciando practicamente o encontro. O demais, quedou en mans do pichichi do Arenteiro, Martín, autor do gol da vitoria a falta de cinco minutos para o final. Un tanto que deixa ós do Carballiño como líderes esta semana da Preferente Sur.

Redacción Salnés