Víctor Senra é o principal favorito a levarse o trunfo no XXXVIII Rali de Noia

NOIA> Os afeccionados ó mundo do motor teñen unha cita a partir de hoxe en Noia coa disputa da 38 edición do Rali Berberecho.

Dende primeiras horas desta tarde, en Labarta, os vehículos participantes, un total de 134, iniciaron as verificacións técnicas, para posteriormente, participar na cerimonia inaugural que se desenvolveu na alameda, a carón do Concello.

Aínda así o groso da proba transcorrerá na xornada de mañá sábado coa disputa dos diferentes tramos, algúns deles totalmente novidosos, como son as saídas previstas nos concellos de Brión e Ames, que se suman tamén a esta edición.

O piloto favorito para facerse co trunfo final volve a ser un ano máis Víctor Senra. Lidera actualmente o Campionato Galego de Asfalto, despois das dúas probas disputadas ata o de agora, con vitorias na Coruña e Lalín.

Terá coma principais rivais a Alberto Meira ou Alberto Otero.

De seguro que o bo tempo e as altas temperaturas previstas para mañá propiciarán tamén a presenza de numerosos afeccionados nas marxes das diferentes estradas polas que transcorrerá o Rali, ó ser ademais unha das probas de motor máis concorridas das que se celebran no Campionato Galego da especialidade.