Boiro organiza a I Olimpíada de Xogos Tradicionais Intercentros

BOIRO> O parque da Cachada acollerá mañá xoves Olimpíada de Xogos Tradicionais Intercentros organizada polo Concello en colaboración dos Equipos de Dinamización Lingüística da totalidade dos centros educativos do municipio.

A xornada desenvolverase en horario de mañá, entre as dez e a unha.

Non terá un afán competitivo, senón que o que se busca coa iniciativa é dar a coñecer entre os rapaces os distintos tipos de xogos tradicionais que existen, para moitos deles totalmente descoñecidos.

A actividade forma parte dun proxecto máis amplo, iniciado xa o pasado curso, que consistiu na recollida por parte dos propios alumnos das normas dos distintos xogos tradicionais existentes en Boiro.

Ademais dos colexios, coa iniciativa colaboran o Club de Bolos Boiro, a Asociación de Xogos e Deportes Tradicionais de Triñáns, e Brinquedia, da Rede Galega do Xogo Tradicional.