![]()
BOIRO> O concello de Boiro decidiu levantar a suspensión de licenzas urbanísticas en varias zonas do municipio, nas que non se podía edificar dende o ano 2006. O executivo local boirés tomou esta decisión a raíz da inminente aprobación da revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbanística.
{flowplayer}barbanza/suspensionlicenciasboiro.flv{/flowplayer}
No ano 2006 o executivo local de Boiro suspendía a concesión de licenzas de construción en catro zonas do municipio: Peralto, Camiño Real, Vimieiro e Barraña. Daquela, xustificaba esta decisión como unha medida cautelar para evitar a especulación urbanística nestes lugares, xa que consideraban que non se atopaban suficientemente protexidos no PXOM de 2003, herdado do anterior goberno do partido popular.
Revisión PXOM
Ao tempo que retiraba a concesión de licenzas, o departamento de urbanismo poñía en marcha unha serie de plans específicos para cada zona. Pero a lentitude na tramitación, as numerosas alegacións e os atrancos na aprobación acabou por dilatar demasiado a execución destes proxectos.
Por tal motivo, e ante a inminente aprobación da revisión do Plan de Ordenación Municipal, o goberno boirés tomou a decisión de aprazar estes plans co obxectivos de incluilos, máis adiante, no novo PXOM.
Decisión acertada
León considera que, malia a crítica dos grupos da oposición, a supresión de licenzas foi acertada, xa que permitiu preservar as zonas do urbanismo descontrolado. Ademais, dixo que esta suspensión non afectou a rehabilitación de vivenda.
Durante estes tres anos, engadiu, realizaronse plans de mellora do contorno e peonalizáronse varias rúas do Camiño Real. O edil de Urbanismo subliñou que os plans elaborados permitiron estudiar o mellor xeito de ordenamento do territorio urbano aplicable en cada unha destas zonas.
Redacción Barbanza










