O PP da Pobra inicia os contactos co BNG para presentar unha candidatura alternativa

POBRA> Ante a perda do respaldo do goberno municipal, evidenciada no debate da cuestión de confianza, o Partido Popular tomou a iniciativa co fin de consensuar unha candidatura alternativa. A primeira forza coa que contactaron foi o BNG, imprescindible para chegar a un acordo que permita conformar un goberno alternativo neste ano que resta de lexislatura e poñer fin á parálise na xestión municipal da que acusan ó executivo de Nós Pobra. Os populares están á espera de decisión que tome o BNG que consultará coas súas bases a dispoñibilidade a negociar. En principio dende o PP están abertos ó diálogo e non establecen ningún condicionante para designar un candidato alternativo. En función de se a resposta do BNG é positiva, o PP proporá tamén ó Partido Socialista a sumarse ás conversas co fin de acadar o máximo consenso.