Ribeira implicará á cidadanía na conmemoración do 25-N

RIBEIRA> O concello de Ribeira pon en marcha unha campaña de sensibilización contra a violencia de xénero co gallo do 25N. Este ano dará prioridade ás actividades online e semipresenciais para cumprir coas restricións derivadas da situación sanitaria.

A declaración do estado de alarma obrigou a modificar parte da programación deseñada polo concello de Ribeira para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Suspendéronse os contacontos previstos para o alumnado de primaria dos distintos centros educativos polos problemas derivados do seu traslado ó auditorio.

Pola contra, mantéñense as actividades para os de secundaria como a instalación dun stand de prevención de agresións sexuais no aparcadoiro de Coroso o día 17 deste mes ou un certame online de poesía urbana pola igualdade para o que xa se poden consultar as bases na web municipal.

Ademais destas actividades dirixidas a un público específico, o departamento de Servizos Socias pretende implicar a toda a cidadanía na campaña que leva por título ‘Ribeira di non á violencia de xénero’. Os interesados en participar tan só teñen que mandar unha foto en branco e negro amosando un cartel con ese lema coas que se elaborarán cartaces conmemorativos do 25N.

O propio día 25 celebrarase ademais un acto institucional na praza do concello coa lectura dun manifesto e un minuto de silencio polas vítimas.

Ademais durante toda a semana do 25 iluminarase a fachada da casa  consistorial con alumeado violeta e instalarase unha pancarta na rotonda de Xarás.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí