A oposición de Vilagarcía tumba o RPT e a ordenanza de terrazas

    pleno_vilagarcia100.jpgVILAGARCÍA> PP, EU e IVIL conseguiron cos seus votos botar abaixo o plan laboral municipal e tamén a ordenanza de terrazas.

    {flowplayer}images/salnes/plan_laboral_vilagarcia.flv{/flowplayer}

    VILAGARCÍA> A oposición de Vilagarcía rexeitou onte en pleno o plan laboral municipal que acordaran o goberno local e as centrais sindicais Comisións Obreiras, CSIF e CIG. Esquerda Unida, PP e IVIL coincidiron en denunciar a sobre dimensión do cadro de persoal proposto.

    Os populares acusaron ó edil de Persoal de ser incapaz de negociar, pola ausencia de UXT na firma do acordo. Tamén dubidou da capacidade financeira do Concello para afrontar esta relación de postos de traballo. O goberno asegura que é un plan sostible.

    Esquerda Unida propuxo a supresión do xefe de gabinete e do reforzo previsto en protocolo, amais da creación dunha empresa municipal de servizos sociais. Propostas que aceptou nun último intento o PSOE, inda que foi en vano. Fajardo insistiu en acusar ó bipartito de incumprir os acordos acadados co seu grupo.

    O goberno local amosouse indignado polo rexeitamento do Plan Integral de Ordenación de recursos humanos. A alcaldesa afirmou que este plan viña a establecer un organigrama para acabar co emprego temporal no Concello.

    {flowplayer}images/salnes/terrazas_pleno.flv{/flowplayer}

    ORDENANZA DE TERRAZAS

    Tampouco convenceu á oposición de Vilagarcía a ordenanza de terrazas que levou onte a pleno a edil de Promoción Económica Rosa Abuín. PP, EU e IVIL pedíronlle que a deixara enriba da mesa ata conseguir máis consenso, pero ante a negativa da concelleira arremeteron contra ela.

    Tomás Fole falou de torpeza política e chapuza e anunciou que presentará alegacións. Rosa Abuín insinuou intereses persoais do portavoz popular para rexeitar esta ordenanza e criticoulle que en 7 meses non tivese tempo para estudala.

    A priori, o bipartito contaba co apoio dos tres edís de Esquerda Unida, logo de incluírlle moitas das súas propostas. Pero onte non se veu este respaldo no pleno. É máis Fajardo amosouse visiblemente molesto co goberno local e acusou de prepotencia á edil Rosa Abuín. Rosa Abuín insistiu en que a ordenanza só pretende adaptar as terrazas ó Plan Urbanístico e ó de Accesibilidade.

    Redacción Salnés