SANXENXO> O cine tamén pode ser unha boa ferramenta para loitar contra a violencia machista. En Sanxenxo, tres mozas do colexio Abrente arrancaron hoxe a gravación dunha curta na que afondan nesta lacra dende diferentes perspectivas. Elas son as gañadoras dun certame organizado polo concello, centrado na loita contra a violencia de xénero.
Non fagan moito ruído porque en Sanxenxo están gravando. É a rodaxe da curta gañadora do concurso impulsado polo Concello para loitar contra as violencias machistas. O certame busca converte-lo cine nunha ferramenta condutora para a erradicación desta lacra.
Ela, Paula, xunto con Naroa e Noelia son alumnas do colexio Abrente e foron as gañadoras do concurso. Hoxe puxéronse mans á obra e comezaron a súa particular rodaxe, neste restaurante de Portonovo reconvetido en estudo de cine. Cóntannos que o proceso de construción do seu guión non foi nada sinxelo, pero que mereceu a pena. Decidiron apostar por un historia protagonizada por tres mozas, o que lles deu pé a aborda-la violencia contra as mulleres dende tres perspectivas diferentes.
Na rodaxe participan preto dunha vintena de actores e actrices, todos compañeiros de colexio, de entre 14 e 16 anos. Aínda cos nervios da gravación no corpo, as directoras da curta recoñecen estar orgullosas do seu traballo. Agardan que o seu proxecto sirva para, ademais, para concienciar á sociedade.
Unha vez rematada, a gravación vai ser editada de xeito profesional. A súa estrea, tomen nota, terá lugar nos actos contra a violencia machista en Sanxenxo previstos para o vindeiro 25-N.