Batida de cabalos nas hortas de Saiar

    cabalos_100_021109.jpgCALDAS> Os veciños desta parroquia capturan a 21 bestas salvaxes que estaban a estragar os seus cultivos.

    {flowplayer}images/salnes/021109_CABALOS_SAIAR.flv{/flowplayer}

    Desde o venres, os veciños da parroquia de Saiar conseguiron capturar 21 cabalos nas fincas do lugar. Permanecen retidos polo de agora no campo de fútbol. É a única solución que atoparon para acabar coa desfeita que estes animais están a provocar nas súas colleitas. Viven ceibes no montes, pero desde hai uns dous meses, baixan a Saiar para alimentarse nas hortas destes veciños. O presidente da Comunidade de Montes de Saiar, Agustín del Río, xunto a varios veciños, xa se persoaron no concello para interpoñer a correspondente denuncia, á espera de que se proceda á subhasta dos animais, pois, aínda que teñen dono, ó parecer estes non se queren facer responsables dos prexuízos que están a causar os animais.

    Se a denuncia presentada se tramita de urxencia, os cabalos permanecerán aquí retidos uns dez días, do contrario, este período podería alongarse ós vinte. De calquera xeito, durante ese tempo os veciños de Saiar veranse obrigados a manter os cabalos, dándolles de comer e facendo gardas para que as bestas esteas vixiadas en todo momento. Temen que se as deixan soas, os donos veñan e as liberen de novo.

    Agustín del Río cifra en máis de cinco mil euros as desfeitas das hortas e o custe do mantemento dos cabalos no campo de fútbol. Cando se proceda á subhasta, a contía recadada destinarase a resarcir ós veciños que sufriron estas perdas.

    Redacción Salnés