López salienta que a reforma do paseo do Naval é ‘un plus’ para a veciñanza da Illa

A ILLA DE AROUSA> Visita do presidente da Deputación de Pontevedra á Illa de Arousa pola reforma do paseo do Naval. A zona foi obxecto dunha remodelación, cun investimento de 440.000 euros, dos que o organismo provincial aportou o 90%. A reforma supuxo tamén a reordenación dos espazos da contorna.

Esta é a nova imaxe do paseo do Naval, na Illa de Arousa. As vellas e deterioradas madeiras que había nesta zona deron paso a este novo itinerario peonil. Unha actuación que se complementa coa renovación dos servizos baixo terra así como a reforma desta praciña próxima.

A humanización desta rúa supuxo tamén a reordenación do tráfico e das áreas de estacionamento. O alcalde aproveitou para amosar a súa satisfacción pola xestión deste proxecto, lembrando que se remonta á anterior etapa bipartita da Deputación. Pola súa banda, o actual presidente provincial destacou que dos 440.000 euros que aquí se investiron, o 90% achegounos o organismo provincial.

E entende Luis López que o resultado desta actuación é tan bo que se traducirá nunha maior dinamización da zona.

O concello xa ten enriba da mesa un novo proxecto de humanización para a zona do Naval e a contorna das Casas Modernistas, que complementaria a este. Está presupostado en medio millón de euros e, como neste caso, aspira a contar con fondos daa Deputación de Pontevedra, a través do programa Provincia Extraordinaria.