Cen lumes activos están a arrasar Galicia

    GALICIA > Un centenar de incendios permanecen activos en Galicia, máis da metade sen control, segundo a última información ofrecida pola Consellería de Medio Rural. O conselleiro Suárez Canal, cualificou a situación orixinada polos incendios forestais de ‘preocupante e complexa’ aínda que se está estabilizando grazas ós medios materiais e persoais destinados a apagar os lumes.

    Suárez Canal fixo un chamamento á colaboración cidadá para poder perseguir ós responsables dos lumes e destacou o labor de Protección Civil do Exército, que se atopa na provincia de Pontevedra, ‘a zona máis castigada’ polos lumes forestais. Segundo a Xunta, os incendios de maior gravidade afectan a varias localidades dos municipios pontevedreses de Cotobade e Soutomaior, que se manteñen en alerta de nivel 2. En nivel 1 atópanse os lumes de varias parroquias de Porto do Son, Rois e Rianxo (A Coruña) e de Arbo (Pontevedra).

    Redacción Salnés