![]()
VILAGARCÍA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés remitiu un escrito á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, …
… no que reclama información directa sobre a ampliación do Hospital do Salnés.
O colectivo pide unha entrevista con Farjas ou cun cargo representativo para coñecer de primeira man os seus plans. A plataforma quere aclarar, sobre todo, as diferentes e contraditorias informacións atribuídas á conselleira e a outros cargos públicos. Fai referencia, por exemplo, ás declaracións da conselleira nos medios de comunicación nas que cuestionaba a necesidade de que seguira existindo a área sanitaria do Salnés; ou outras referidas ós servizos que presta ou prestará o Hospital do Salnés. A plataforma teme que non se alcance o nivel asistencial necesario para atender a demanda dos usuarios deste centro, e dubida incluso que se vaia a construír un novo centro de atención primaria en Vilagarcía, como estaba previsto.
Tamén acolle con reservas o anuncio de cargos do PP de que se investirá un millón de euros máis neste hospital en 2010 e lembra a plataforma que nos orzamentos da Xunta só se recollen 158 mil euros. Ó colectivo preocúpanlle ademais as declaracións de altos cargos da consellería nas que ven necesario o investimento privado na sanidade pública. A plataforma aproveita tamén para lembrarlle á conselleira que a Comisión de Participación Cidadá solicitou información en xuño e que inda non tivo resposta.
Redacción Salnés







